Cala do Peiral
O eco dun océano Cámbrico
Na serena cala do Peiral, o murmurio do mar acompaña a unha paisaxe costeira quebrada e rochosa, tallada en gneises que gardan segredos de fai 500 millóns de anos. Trátase de novo dos gneises de Cariño. Nestes afloramentos estas rochas revelan un marcado carácter bandeado. Capas alternantes, en orixe variablemente arxilosas-areosas, revelan a súa orixe nun flysch grauváquico: materiais sedimentarios mariños profundos, que se compactaron despois baixo presións colosais durante a formación de Panxea.
Salvando a evidente distancia, este flysch do Cámbrico recorda aos famosos flyschs doutro xeoparque UNESCO do norte, o Xeoparque Costa Vasca. Porén, no caso do cabo Ortegal, a deformación e metamorfismo variscos ocluíron numerosos trazos primarios, pero ofrecen oportunidades para outros tipos de observacións e de estudos.
Para a persoa visitante, este recuncho é unha xanela a un tempo no que a vida complexa comezaba a florecer nos océanos. O Cámbrico é un período caracterizado por un aumento extraordinario na diversidade biolóxica. As rochas metasedimentarias do Complexo de Cabo Ortegal considéranse de idade cámbrica e poderían ser apropiadas para a busca de fósiles desta idade. Porén, a deformación e metamorfismo variscos eliminaron estes posibles restos. Ao pasear pola cala, pódense observar vistosos pregamentos menores que narran a intensa deformación sufrida, mentres o Atlántico actual lambe as rochas como unha testemuña indiferente do paso do tempo xeolóxico.