Praia do Baleo

Praia do Baleo

As anfibolitas que trazan o océano Reico

 

As anfibolitas que trazan o océano Reico

A praia do Baleo é un areal de 400 metros con forma de cuncha rodeada de acantilados, situado ao lado da praia de Pantín, referencia obrigada para os amantes do surf. As rochas que enmarcan a praia de Baleo son anfibolitas pertencentes á ofiolita de Purrido, correspondentes á codia oceánica do desaparecido Océano Reico.

As datacións das anfibolitas da ofiolita de Purrido propiciaron un interesante desafío científico. Estas rochas conteñen minerais (circóns) inicialmente datados como os máis antigos do Complexo de Cabo Ortegal, entre 1.100 e 1.600 millóns de anos (Ma). Porén, algo despois descubriuse que as mesmas anfibolitas tamén conteñen á súa vez circóns máis novos, datados en 395 millóns de anos. Conxeniar ambas as idades xerou un debate interesante no límite do coñecemento científico. Na actualidade interprétase que a idade de formación das rochas da ofiolita é de 395 Ma, unha idade coherente co resto do Complexo. Os circóns máis antigos proceden probablemente do manto litosférico, da zona de xeración dos magmas precursores das anfibolitas.