Faro de punta Candeeira
Un sendeiro entre dúas placas litosféricas
O faro de punta Candeeira marca o punto de contacto entre as unidades superiores do Complexo de Cabo Ortegal e a ofiolita de Purrido, dúas placas litosféricas inicialmente diferentes. Esta ofiolita ten a mesma idade que a ofiolita de Moeche, que aflora na illa de San Vicente. Xunto con ela constitúe os restos do océano Reico, un mar que durante o Paleozoico se localizaba entre o supercontinente de Gondwana e os continentes setentrionais (esencialmente Laurrusia), antes dos desprazamentos tectónicos que formarían Panxea.
O sendeiro que nos leva a pé ata o faro permítenos observar espectaculares pregamentos e outras estruturas de tipo dúctil. Neste tipo de deformación, desenvolvida a alta temperatura e forte presión de confinamento, os gneises e anfibolitas defórmanse, como se de plastilina se tratase, formando estruturas que permiten reconstruír a historia de enterramento e exhumación destas rochas. A deformación en todo o Complexo de Cabo Ortegal é de tipo dúctil, aínda que neste punto a observación deste tipo de estruturas é especialmente vistosa. Estas rochas son testemuñas aparentemente mudas e perennes dos sensacionais movementos tectónicos que fixeron aparecer e borrar océanos e continentes enteiros.