Área recreativa O Castro
Historia, natureza e ocio entre murallas
Esta área recreativa é un espazo de ocio e natureza que destaca polo seu singular valor histórico e cultural, ao asentarse dentro do recinto amurallado dun antigo castro, á vez que ofrece modernas instalacións. Este tipo de asentamentos prehistóricos son fundamentais para entender a historia humana e a interacción coa contorna no Xeoparque.
Este espazo está deseñado para o goce de toda a familia e conta cunha zona arborada equipada con mesas e bancos, un parque infantil, unha pista polideportiva e piscinas. Ademais, alberga o Centro Social e Cultural O Castro (antiga escola de 1933, con cafetaría e biblioteca). Desde aquí, ademais, pódese pasear á beira do río Pontellas e descubrir muíños fluviais e unha senda de madeira deseñada para respectar a fauna da contorna.