Canteiras de Moeche/Somozas
O manto terrestre como rocha ornamental
A Cámara Mineira de Galicia propón na súa páxina web unha Ruta do Toelo para coñecer os lugares de observación e as canteiras de extracción das serpentinitas (toelo ou pedra de Moeche) da Mélange de Somozas, rochas mantélicas que viaxaron desde o interior da Terra ata a superficie fai 350 millóns de anos. A pedra de Moeche foi tradicionalmente utilizada como rocha ornamental pola súa especial vistosidade. As canteiras principais, moi vistosas, atópanse en leiras privadas, polo que cómpre obter unha autorización para visitalas. Unha bela estatua recente de toelo situada fronte ao castelo de Moeche rende tributo ás traballadoras na antiga cantería e permite contemplar a beleza do toelo labrado.
Tamén resulta de especial interese a antiga canteira da Caleira, unha explotación a ceo aberto que tivo por finalidade extraer mármores, unha rocha moi pouco frecuente en Galicia, e máis nesta zona. De novo esta canteira atópase nunha leira privada, polo que require permiso para a súa visita.
No percorrido por esta contorna poderemos contemplar tamén a igrexa de San Xurxo e cruceiros, linteis e petos de ánimas esculpidos con toelo.