Miradoiro de Teixidelo
O enigma das granulitas da Vacariza
O miradoiro de Teixidelo, no corazón da serra da Capelada, sobre un alto de 337 metros, ofrece algo máis que unha vista espectacular: é unha ventá ás granulitas da Formación Vacariza, unhas rochas metamórficas que soportaron presións e temperaturas extremas cando foron enterradas ata aproximadamente 55 km de profundidade, durante o proceso de subdución producido pola colisión que deu lugar á formación do supercontinente de Panxea. Son litoloxías formadas a condicións algo menos extremas que as ecloxitas, pero en conxunto formáronse baixo condicións metamórficas denominadas de alta presión e alta temperatura. Este tipo de granulitas son rochas infrecuentes no planeta, e un trazo máis característico do Complexo de cabo Ortegal e da oroxénese Varisca.
O macizo e os acantilados que se divisan desde o miradoiro de Teixidelo son a proba visual da descomunal forza dos movementos tectónicos. As granulitas da Vacariza presentan unha gran deformación, visible nas estruturas tectónicas que definen o seu aspecto bandeado, que se denomina foliación. Esta foliación é a característica tectónica principal dos materiais do Complexo de Cabo Ortegal. A datación por métodos isotópicos dos minerais que se forman nestas bandas permite coñecer a idade das estruturas e do metamorfismo.