Praia de Santo Antonio
O caos dunha canle de subdución
Esta praia, situada na marxe nordeste da localidade do Porto de Espasante, é como un laboratorio natural: a Mélange de Somozas expón aquí unha matriz de serpentinitas que inclúe un gran bloque tectónico de mármore cristalino, que pode conter microfósiles. As serpentinitas representan unha canle de subdución mantélica, formado sobre unha placa que se afundía cara ao manto nun dominio oceánico peri-gondwánico. Fragmentos da placa descendente eran arrancados para formar unha xigantesca brecha entre as serpentinitas, unha mélange tectónica que mestura materiais de orixe moi diverso. Os bloques tectónicos desprendidos na canle de subdución activa están suxeitos a unha dinámica de fluxo ascendente. A observación dos mármores cristalinos embebidos na matriz de serpentinitas produce sorpresa e admiración tanto a expertos en xeoloxía como a profanos. Este afloramento ten un carácter único na península ibérica e probablemente en toda Europa. Recibe visitas de estudantes de xeoloxía cada ano.
As mareas revelan este quebracabezas xeolóxico en cada baixamar, invitando a tocar as rochas que un día estiveron na fronteira entre placas. Aínda que a súa beleza se percibe sen ningunha explicación, a visita a este lugar é unha das que máis requiren o acompañamento dun guía xeolóxico, que nos permitirá comprender e gozar moito mellor a historia da formación deste impresionante tesouro natural.