Pazo da Marquesa, Finca da Cortiña, Arboreto Galego, Fraga Máxica e río Xubia
Oasis de tranquilidade onde se funden a historia, a botánica e a arte
Historia e natureza entrelázanse neste conxunto de San Sadurniño, un lugar que invita a conectar coa contorna, aprender sobre a flora autóctona e gozar dun momento de tranquilidade xunto ao río.
O pazo da Marquesa, antiga residencia señorial do Marquesado de San Sadurniño con orixes no século XIX, é hoxe un exemplo de recuperación patrimonial. Tras unha profunda rehabilitación, este edificio alberga o Concello de San Sadurniño, cuxa escalinata é de toelo (serpentinitas). Os seus xardíns históricos, agora de acceso público, convertéronse nun espazo de encontro e goce.
Anexa ao pazo esténdese a Finca da Cortiña, onde se sitúa a Horta de Conservación de Froitas Autóctonas. Esta área conecta co inicio do paseo do río Xubia. Este agradable paseo fluvial transcorre xunto ás tranquilas augas do río Xubia, un curso de auga de gran valor ecolóxico incluído na Rede Natura 2000 (ZEC Xubia-Castro).
O sendeiro, ideal para toda a familia, atravesa un exuberante bosque de ribeira e lévanos a descubrir o Arboreto Galego onde se atopa a Fraga Máxica. Este singular xardín botánico exhibe as principais formacións arbóreas de Galicia e alberga sorpresas artísticas, como esculturas de madeira que engaden un toque máxico ao percorrido. É o lugar perfecto para somerxerse na natureza e relaxarse co murmurio do río.
No Arboreto Galego organízanse dúas importantes feiras: a Feira da Plantación e a Feira Rural.