Faro de cabo Ortegal
Un faro sobre o abismo do tempo xeolóxico
Desde o faro de cabo Ortegal ábrese unha panorámica impoñente: os acantilados esténdense ata punta do Limo, esculpidos por rochas que un día formaron parte do manto terrestre. Pero a singularidade deste lugar non está só no que se ve, senón tamén no que se pisa. Baixo o faro aflora un dos maiores niveis de ecloxitas do mundo: rochas raras e densas, orixinadas fai 400 millóns de anos a máis de 70 quilómetros de profundidade.
Estas rochas formáronse durante a subdución da codia periférica do antigo supercontinente Gondwana cara ao interior do planeta, durante a colisión de continentes que formou Panxea. Baixo condicións extremas, algúns fragmentos da codia transformáronse en ecloxitas e, tras millóns de anos, emerxeron á superficie.
Hoxe, esas rochas profundas están ao alcance da vista e do tacto, e revelan un fragmento do interior da Terra que normalmente permanece oculto. Fronte ao mesmo cabo Ortegal, un balcón xeolóxico desde o que nos asomamos ao pasado do noso planeta, a gran lámina de ecloxitas que recollemos desaparece no mar nos illotes de punta dos Aguillóns, que amosan pola súa vez grandes pregamentos.