Miradoiro de Vixía Herbeira

Miradoiro de Vixía Herbeira

Un balcón aos materiais exhumados do manto terrestre

 

Un balcón aos materiais exhumados do manto terrestre

Como na punta do Limo, no miradoiro de Vixía Herbeira, situado entre os termos de Cariño e Cedeira, os nosos pés pisan peridotitas e piroxenitas que emerxeron do manto superior. Neste punto atopámonos a 613 metros sobre o nivel do mar. Os acantilados de Herbeira son os máis altos da Europa continental e forman un tapiz rochoso que se esborralla cara ao mar en pendentes vertixinosas, ofrecéndonos unha impresionante vista panorámica. A heteroxeneidade dos materiais que forman este macizo mantélico formula importantes incertezas para determinar a súa idade xeolóxica, especialmente no caso das peridotitas. O manto peridotítico orixinario da Terra é moi antigo, primordial, pero estivo suxeito a continuos episodios de modificación. As piroxenitas destes macizos son máis novas e considéranse de idade cámbrica.

No macizo de Herbeira, observando cara ao oeste, tense un lugar privilexiado para a contemplación da posta de sol sobre o Atlántico. A superficie culminante de Herbeira é considerada por algúns autores un elemento parcialmente residual da fragmentación de Panxea que propinou a apertura do océano Atlántico.