Praia de Morouzos
Unha praia e unha illa dun océano desaparecido
Fronte á praia de Morouzos contemplamos a illa de San Vicente, que en baixamar parece emerxer desde o fondo e volverse máis alta. A baixamar é, de feito, o mellor momento para esta visita, xa que podemos chegar a pé ata a illa. Trátase dunha mole de forma ovalada, formada por 500 metros de potencia de xistos verdes, rochas de orixe plutónica e volcánica que pertencen á unidade de codia oceánica coñecida como a Ofiolita de Moeche, que data de fai 395 millóns de anos e constitúe a unidade máis recente que aparece no Complexo de Cabo Ortegal.
O Complexo de Cabo Ortegal conserva os restos dunha conca oceánica aberta na periferia de Gondwana fai 410-395 millóns de anos. A extensión deste océano é descoñecida e obxecto dun intenso debate científico. A illa de San Vicente é un relito da codia deste océano, polo que camiñar aquí é pisar o solo dun mar desaparecido. As rochas que recollemos no Complexo de Cabo Ortegal fálannos da colisión continental que pechou este océano. Este é un lugar onde a xeoloxía se volve tanxible e onde cada marea revela un novo fragmento da súa historia.
Foto: Creative Commons