Praia de Fornos

Praia de Fornos

Os pregamentos que debuxan o colapso de Gondwana

 

Os pregamentos que debuxan o colapso de Gondwana

Os gneises da praia de Fornos, situada na marxe esquerda da desembocadura da ría de Cariño-Ortigueira, amosan grandes pregamentos que parecen retorcerse como cintas de rocha. Trátase de rochas pertencentes á unidade que se atopa na posición estrutural máis alta de todo o Complexo de Cabo Ortegal, os denominados gneises de Cariño, e forman parte do núcleo dun gran pregamento deitado, o sinforme recumbente da serra da Capelada.

Os precursores destes gneises (protolitos) foron arenitos grauváquicos de idade Cámbrica, que se depositaron nunha bacía sedimentaria na periferia de Gondwana. As rochas sedimentarias orixinais foron enterradas e metamorfizadas ata transformarse en gneises durante a colisión continental Varisca, para ser posteriormente elevadas. Estes grandes pregamentos reflicten a historia Varisca máis moderna desta formación, xa que se xeraron en estadios avanzados da súa exhumación.