Barrio mariñeiro e porto de Cariño
Labirinto de casas penduradas sobre o mar
O barrio mariñeiro é a zona máis antiga desta vila, un conxunto singular de vivendas que colgan da paisaxe, asentadas no alto dos acantilados, entre a praia da Concha e punta Gabeira.
Pasear polas súas rúas estreitas e serpeantes é somerxerse nun pobo modelado polo mar. A maioría das súas casas, de cores vibrantes por empregar nas ventás e balcóns as mesmas pinturas que nas embarcación, locen coas tradicionais balconadas, galerías ou corredores que lles confiren un carácter único e pintoresco.
Estas rúas desembocan en prazas cheas de vida, como a praza da Porta da Pulida o a praza da Mariña, puntos neurálxicos da actividade social e económica. A súa privilexiada situación sobre os acantilados ofrece numerosos miradoiros naturais desde os que contemplar a grandiosidade da ría e o inmenso océano.
A rúa do Campo, en particular, ofrece vistas espectaculares e acceso á recóndita cala do Peiral.
Próximo a este núcleo histórico, o porto pesqueiro mantén viva a tradición co seu constante ir e vir de embarcacións que traen os froitos do mar. Ademais de ofrecer vistas panorámicas do barrio mariñeiro e a ría, é o punto de partida para os que desexen explorar a paisaxe costeira desde a auga mediante excursións en barco.
O espigón do porto de Cariño está construído con grandes bloques de ecloxitas, extraídos dunha canteira aberta para este fin. É probable que se trate do único porto ecloxítico do mundo, un valor adicional deste xeoparque.