Fraga dos Casás
Ecosistema que conserva a pegada humana
A fraga dos Casás é un dos últimos redutos e máis valiosos vestixios do bosque atlántico autóctono de Galicia. Sitúase xunto ao río Mera, onde forma un enclave privilexiado entre as fragas do Eume e as Grañas do Sor.
Este bosque destaca pola súa exuberante riqueza e diversidade arbórea e xera un microclima único, o que favorece a presenza de innumerables especies de aves e fungos, e conforma un ecosistema de gran valor natural.
Ademais da súa importancia ecolóxica, esta fraga preserva signos da antiga interacción humana coa contorna. Exemplos disto son a Cova dos Ourizos, un antigo almacén de castañas ou ouriceira, e os restos da antiga carboeira vexetal da Foia do Carbón. É un destino moi recomendable para os amantes da natureza e o sendeirismo, con rutas que invitan a perderse nunha paisaxe que evoca tempos pasados.