Castelo de Moeche
Un castelo sobre unha codia oceánica
O castelo de Moeche aséntase no val que recibe o mesmo nome. Trátase dun val de fondo plano orixinado pola actividade tectónica alpina, que alberga a continuación da unidade de antiga codia oceánica coñecida como a “ofiolita de Moeche”. Está constituída por xistos verdes e serpentinitas que, cunha antigüidade de 395 millóns de anos, formaban a litosfera do océano que desapareceu durante a formación de Panxea.
O castelo medieval de Moeche convértese nun observatorio privilexiado sobre a historia deste val. Desde as ameas, a paisaxe revela como a xeoloxía é a verdadeira arquitecta deste territorio, un océano petrificado sobre o que se erixiu unha fortaleza de vixilancia e defensa.
A ofiolita de Moeche contén xacementos de pirita con baixa lei de cobre que foron explotados no pasado. Algunhas das antigas minas forman parte do patrimonio mineiro industrial de Galicia e teñen unha gran vistosidade, pero non se poden visitar de forma particular.